lunes, 8 de octubre de 2012

Cabo de Ribeira


Comeza a semana e fágoo en Cabo de Ribeira, unha zona lonxe da Vila das Pombas.

Indícanme de camiño que é unha zona con moitas humidades e de malas construcións. Alí recíbenos, o delegado que nos amosa o Centro de día que acolle varias persoas maiores para xogar unha partida de cartas ou incluso algunhas comen alí porque non teñen recursos. Na mesma edificación hai un Xardín de Infancia para 38 crianzas que dirixen 2 monitoras, dentro dun proxecto da cooperación portuguesa. As familias non pagan polas crianzas senón que colaboran con alimentación. Teñen tamén unha aula de informática con 8 equipos, mais só funciona 1 porque o local ten moita humidade e ao lado desta aula, hai unha sala multiusos que queren adicar a formación.

Seguidamente o delegado coméntame que están facendo un proxecto de rehabilitación e construción de vivendas de 5 familias sen recursos. Para que vos fagades unha idea, unha vivenda óptima en Paúl consta de unha cociña, 1-2 habitacións e unha casa de baño (un cuarto de baño básico), crédeme, que moito máis pequena do que seguro, vos imaxinades!! Unha familia en Cabo de Ribeira ten como mínimo 5 persoas, pero na maioría das familias hai máis e non soe ter cociña nin casa de baño que cumpran as condicións mínimas de habitabilidade. Nesta zona é moi común as casas “Penachón” que son casas improvisadas con folla de banana e folla de cana no tellado e nas paredes e paus de café como suxeito das mesmas.

Este é o proxecto prioritario que quere presentar a CMP ao Fondo Galego de Cooperación dentro do PMIEG (plano municipal de igualdade e equidade de xénero), pero non o que eu planificarei aquí.

Pola tarde adicome a escribir e a ler sobre as políticas de xénero en Cabo Verde e tamén a disfrutar dun paseo pola vila. A vida no Paúl é moi tranquila e estoume acostumando a isto. Gosto do Paúl. Ata mañá.


sábado, 6 de octubre de 2012

1ª Finde con vacacións e traballo


O sábado comeza cunha actividade do gabinete de xénero, os Atendimentos Psicolóxicos. Coñezo a Myriam, que é a psicóloga que traballa no hospital de Portonovo que voluntariamente vén facer os atendimentos psicolóxicos a Paúl, dúas veces por mes. Comezo tendo unha conversa tendo unha conversa con ela para ver como está a situación da muller no Paúl, en Santo Antao e en xeral en Cabo Verde. Coméntame que os maiores problemas para o gabinete son a falta de financiamento para as actividades, a falta dun espazo de acollemento e indica que é preciso un atendimento para agresores e a necesidade dun perfil profesional da área social para o 1º atendimento.

Os grandes problemas cos que se atopan as mulleres paulenses, segundo Myriam, son: a baixa autoestima, o enraizamento do sistema patriarcal que fai que as mulleres sexan sumisas ao home, que sintan a culpabilidade ante unha situación de violencia e xustifican ao home na meirande parte dos casos. Tamén comenta que está a aumentar a violencia sexual en menores, para o que cre preciso actividades de autoestima, empoderamento, redución de actitudes violentas, traballo no ensino mediante diferentes actividades e obradoiros e tamén sinala que é preciso para o gabinete, un fondo para que as persoas dos diferentes lugares do Paúl poidan acudir ao gabinete que é un dos poucos ou o único recurso que teñen neste eido.

Despois da conversa comeza a 1ª sesión do grupo de axuda mutua ao que acoden só 4 persoas, pero eu creo que para ser a 1ªsesión está moi ben. Como calquera outro grupo de axuda mutua, este grupo de mulleres que fan uso do gabinete, precisan dun apoio en outras mulleres que pasaron ou están a pasar pola mesma situación e mediante outras testemuñas amosarlle de que non están soas nas loitas individuais. A clave é UNIR FORZAS.

Como é a 1ªsesión, facemos unha dinámica da distribución do tempo de cada unha de nós, algo que xa fai aflorar sentimentos e emocións de algunhas delas. Esta é unha dinámica moi empregada e recoméndovos que a fagades, xa que moitas veces, velo sobre o papel, serve para darnos conta o tempo que adicamos ás demais persoas e o pouco tempo que nos adicamos a nós mesmas.

Xa, finalizada a primeira semana de traballo sobre o terreo toca disfrutar un pouco do tempo libre e esta semana de anfitriona, recibo a Cris de Ribeira Grande. Despois dos atendimentos daremos unha volta pola Vila das Pombas e pola tarde faremos unha camiñada dende a vila ata Eito pasando por Passagem e despois por Lombo Cumprido onde hai unhas fermosas vistas do Val do Paúl.O domingo, tocará unha visita pola Ribeira Grande, xa que celebran o día de Nosa Señora do Rosario, e ofrecen cousas á virxe que despois poxan na praza da Igrexa, algo moi interesante.

Nada máis, isto é todo, ollos que me ledes!! ;)

viernes, 5 de octubre de 2012

1ª semana de traballo rematada


Hoxe, comeza a fin de semana, pero antes na xornada de mañá iremos a unha presentación pública dun proxecto dun centro de Formación Profissional en Transformaçao Alimentar que co apoio da Cooperación Luxemburguesa está dirixido a desenvolver accións de aprendizaxe e cualificación destinada a persoas xoves e/ou adultas profesionais e interventoras do sector. Un dos obxectivos é tamén o apoio técnico ás empresas que o solicitan.

Nesta presentación pública saen moitas cuestións importantes . A formación é moi importante mais a xente que se adica a este sector precisa de investimento na terra e tamén no momento da transformación e da comercialización, algo que non é misión deste centro, que se centrará na formación.

Dende o meu punto de vista, a iniciativa está ben, mais podendo investir a metade na rehabilitación do centro que está a carón do novo, creo que este proxecto debía de ir máis alá e dotar ao sector produtivo de acompañamento en todo o proceso, sendo un proxecto a nivel de illa coa implicación de tódolos concellos. Algo que me sorprende que non teñen posto en marcha é o fomento do cooperativismo, e non hai formación no sector produtivo, deste xeito de crear persoas emprendedoras.

Pola tarde, xa fóra da xornada laboral descubrirei a praia da Sinagoga e as súas piscinas naturais que hai de camiño á praia. Esta praia está entre Paúl e Ribeira Grande e recibe o mesmo nome que o lugar. Quedo abraiada coa riqueza que posúen estas piscinas nas que conviven moitas das especies mariñas, moitas descoñecidas para unha galega de costa coma min.



Obrigada e boa fin de semana!

jueves, 4 de octubre de 2012

Atendimentos xurídicos no Gabinete de Xénero


Hoxe, semella un día interesante e efectivamente así o foi. Tivemos os “atendimentos xurídicos”coa xurista do gabinete de xénero. Esta xurista, Dna. Dionara, vén dende xaneiro deste ano, de xeito voluntario e gratuíto. É avogada dos gabinetes dos 3 concellos e aínda que non cobraba por este traballo si que percibía unha compensación a modo de dietas.

O gabinete, é un convenio entre a CMP e a Rede Sol de apoio a vítimas de violencia de xénero (aquí defínese VBG, Violencia baseada no género), pero a falta de recursos fixo que profesionais diminuíran o número de atencións por mes (na actualidade só veñen 2 veces ó mes cada unha)como Dionara quedaran sen aportación, polo que ante o peche do gabinete decidiron continuar coa actividade de xeito totalmente voluntario.

Comezamos os atendimentos que non só son propios dun gabinete de equidade de xénero, senón que tamén atende outros casos, xa que, para moita xente de Paúl é moi difícil moverse para Ribeira Grande ou Portonovo e na Vila das Pombas (Cidade de Paúl) non hai avogada/o, nada máis que o servizo voluntario que fai Dionara.

As mulleres son as encargadas das crianzas en todo momento, na maioría das familias paulenses. Cando as nais emigran, por exemplo, as crianzas soen ficar coas avoas, facendo que o pai teña unha asunción total das responsabilidades familiares, algo que fixo darse conta no 2009 ao anterior goberno que era preciso a elaboración dun Plano Municipal de Igualdade. En políticas de igualdade  Cabo Verde vai avanzando, comprobámolo vendo que no 2011 o goberno estatal na lei 84/VII/2011 establece as medidas destinadas a previr e reprimir o crime de violencia baseada no xénero. Esta lei aínda está na fase da implementación, polo que despois dos atendimentos falamos largo e tendido do tema .

Seguindo os atendimentos vexo que empregan moito a mediación en casos de violencia, porque por desgraza non hai un recurso como pode ser unha casa de acollida para as mulleres vítimas de violencia de xénero, polo que despois dos actos de violencia, se teñen a forza e perden o medo a denunciar, teñen que volver á casa co agresor. A lei do 2011 que sinalei anteriormente contempla a instalación deste recurso de casa de acollida en todas as illas.

Dionara tamén me comenta o aumento de abusos sexuais a nenas dentro do núcleo familiar e de aí, falamos da falta de apoios sociais que teñen as mulleres en xeral, sufran violencia ou non.

A falta de formación e de información fai que as mulleres xa non busquen apoio nos servizos voluntarios, sobre todo, da psicóloga. De aquí, sae tamén a necesidades dunha persoa profesional de referencia, xa que un sociólogo non é o perfil mais axeitado para dar este servizo, algo tan necesario para todos os sectores da poboación.  

Falamos das necesidades da poboación en xeral e tamén das necesidades das mulleres, nas que Dionara cree que o fortalecemento da autoestima das mulleres e a dotación de recursos  é esencial. O apoio ás vítimas (precisan de apoio económico e psicolóxico), algo semellante ao salario da liberdade, é moi importante, así como xa indiquei unha rede de recursos.

Así que intercambiamos contactos, espero volver a vela ao longo da miña vida, iso sería unha boa sinal a nivel profesional! Un pracer coñecer a persoas tan involucradas na loita e tamén con tan boa vontade.

Obrigada por seguir léndome!! ;)

miércoles, 3 de octubre de 2012

Visita á lixeira e Cabo de Ribeira


O día de hoxe foi cando menos, raro, xa que acompañada de varias persoas da CMP e tamén da Cámara Municipal da Ribeira Grande fomos a unha zona onde os dous concellos depositan o lixo (Lixeira). Ben é certo que isto pouco ten que ver co traballo que eu viña desenvolver aquí no Gabinete de Equidade de Xénero, mais é unha necesidade que teñen estas dúas comunidades. Cabo Verde en xeral, non ten tratamento de lixo, isto provoca que haxa un foco de infección e contaminación descontrolada para a poboación, o que pode provocar enfermidades na xente e nos animais desa zona na que está a lixeira.

Tamén fomos a Cabo de Ribeira, onde hai unha casa que servía para que a xente fora lavar a roupa pero que agora está abandonada. Esta enfronte dunha escola de ensino básico, e ante as choivas enchese de auga e crea un foco de infección, xa que concentra larvas de mosquito e demais insectos.

Xa pola tarde, xúntome coa miña compañeira de Ribeira Grande, Cris, para compartir unha andaina xuntas e organizar como dúo o noso ocio e tempo libre durante a nosa estancia en Santo Antao. Para moverse pola illa hai que facer uso do transporte público ou de taxi(hai moi poucos e son moi caros cobran unha media de 1000 escudos (10 euros)polo traxecto R.G. – Paúl). O transporte público son os colectivos ou alugueres (poden ser furgonetas adaptadas con 10 asentos ou ben os típicos “Toyotas ranchera” con bancos detrás, que poden ter ou non o identificativo de alugueres, se non o teñen e te atopan pola estrada algúns levante gratis!!) e que poden ter un custo de 100 escudos para o traxecto Paúl – R.G, iso sí, é preciso ter paciencia para collelos, porque ata que teñen un mínimo de 4 persoas non emprenden camiño. Tamén hai que ter en conta que os domingo é un día moi complicado para coller este tipo de transporte sobre todo a partir das 6 e media da tarde.

Polo que ese día, fun para coller o colectivo ás 19:30 da tarde, e xa non pasaban case colectivos, polo que lle preguntei a unha rapaza e ela se encargou de que nos montaramos nun que xa nos trouxo de balde, ó mais estilo “Callejeras Viajeras”. Unha viaxe divertida na que me atopei cunha parella española, que espero ver polo Paúl. Vou pensando para a casa, na bondade da rapaza que me dixo que a acompañara, canto deberían aprender noutros lugares da morabeza caboverdiana!! Remato o día escribindo isto e tomando algo no Atelier Bar, o cal recomendo moitísimo, todo un descubrimento na miña vida aquí, xa son asidua!!

martes, 2 de octubre de 2012

Lombo Cumprido


No programa, hoxe, aparece unha visita a algún dos proxectos que financiou o Fondo Galego de Cooperación aquí, no Paúl. Á 8 comeza a xornada de hoxe, e cunha conversa con Nilton sobre a intervención da policía, centro de saúde, centros educativos nun caso de violencia de xénero. Indica que a CMP ten convenios con todos estes axentes implicados, mais que aínda queda moito para que exista unha concienciación de como se debe actuar. Pouco a pouco isto vai mudando, para iso dende o gabinete co apoio financeiro do Fondo Galego e de outros parceiros dan formación a todos os axentes sociais.

Acompañada de Liana e Neusa e xunto cos do Oficina Técnica da CMP imos á zona de Lombo Cumprido, onde o Fondo Galego financiou a construción e rehabilitación de algunhas vivendas. Falamos coas familias e observo que unha vivenda con esas condicións na Galiza non cumpriría as condicións mínimas de habitabilidade. Mais isto non é Galiza, estamos noutra realidade social e crédeme cando vos digo que aínda que colgue algunha foto ou o explique non sería suficiente para valorar a necesidade existente, tanto nas vivendas (casas de baño, auga potable, estancias, cociñas, tellado, filtración de humidade,...)coma na zona en xeral (estradas, camiños veciñais, canalizacións de auga,...). A partir de hoxe, as baratas non son un problema para min, despois de ver o mal que o pasan estas familias, as necesidades rematan por ser relativas.

Estamos a falar de casos nos que habitan varias xeracións, xa que a familia paulense soe ter moita descendencia, outra problemática no Paúl, para as familias con necesidades económicas. Xa non vos imaxinedes a calidade de vida que pode ter unha persoa con algún tipo de discapacidade. Como dicía, as necesidades son moi distintas e moi relativas dunha zona a outra e dunha persoa a outra. Pese a todo, a xente de Paúl nunca perde o sorriso e a amabilidade de poñer todo a dispor da xente que visita o pobo.

Baixamos para Paúl a pé (unha camiñada con algo de dificultade) e finalizamos preto da hora do almorço. Foi unha xornada enriquecedora mais quedóuseme moi curta. Vou intentar conectarme para contar algo por Facebook e por Twitter.


Obrigada por lerme! ;)

lunes, 1 de octubre de 2012

Día 1 de Outubro, comezamos o mes e o traballo.


Comeza un dos meses para min máis bonitos do ano, e este vouno vivir en Cabo Verde, que máis se pode pedir?

Empezo o día repoñendo forzas cun estupendo almorço caboverdiano que me preparou Joana, mais con leite da Galiza, isto é vida!! ;)

Nun día que levo no Paúl, aínda non me acostumei á temperatura (unha media de 26º) nin tampouco á humidade que hai. Ás 9 comeza a xornada laboral na que imos ver o plan de traballo para todo o mes. No día de onte coñecín ao técnico co que vou a estar que é o Sr. Nilton Gomes, que ao chegar á Cámara Municipal do Paúl (CMP) me ensina todo e me presenta á xente que alí traballa.

Seguidamente fálame sobre a situación da poboación no Paúl e das necesidades desta.Con respecto á situación da muller en Paúl, coméntame que as maiores problemáticas son a violencia de xénero, e neste último ano, a violencia sexual dentro do núcleo familiar.Paúl foi pioneiro no desenvolvemento de políticas de xénero e mostra diso é a creación do gabinete par a equidade de xénero, que el dirixe. Ao mesmo tempo, con este novo goberno, Nilton compaxina o seu papel no gabinete co de vereador(concelleiro) na CMP.Sobre a atención ás mulleres, é el con estudos en Socioloxía quen fai a 1ª atención á muller, aparte de que periodicamente veñen unha psicóloga e unha avogada ao gabinete para dar atención ás mulleres. Carecen de persoal e de financiación para dar maior cobertura a todos os puntos do Paúl. De todos os xeitos, coméntame que cando existe un caso de violencia, a muller non soe denunciar e esa ée unha das maiores dificultades coa que se atopan.

Por outra banda, existe formación en materia de igualdade para policía, profesorado, e para persoas de diferentes zonas do Paúl, para que poidan exercer de persoa intermediaria coas necesidades das mulleres. Na actualidade, e coa nova lei de 2011 sobre a prevención da violencia de xénero do Estado Caboverdiano indícame que teñen varios proxectos para desenvolver que veremos máis adiante, ou así mo indica.

Como traballadora social non deixa de preocuparme o protocolo de intervención que poden ter nos diferentes casos que chegan ao gabinete, ireino investigando.

Despois desta reunión, acompañando á responsable de medioambiente (Liana), o Presidente, Nilton e Antonio(un caboverdiano que estudou en Cuba e domina o castelán á perfección) subimos a Eito, que coma Paúl non ten auga de boa calidade para o uso. Antonio, explícanos que aproveitando a canalización e instalando un par de depósitos co seu correspondente mantemento, e unha pequena depuradora, pode toda a zona ter auga apta para o consumo.

Baixamos a CMP e dispoñémonos a analizar o plan de traballo para ver se hai que facer algunha modificación. Teño algo claro, quero coñecer o maior número de axentes sociais posibles, por iso inclúo visitas a centros educativos, familias, tecido asociativo, así como, axentes de desenvolvemento comunitario. Despois de ver o plano de traballo que non contén todo o esperado en materia de igualdade, vou continuar coñecendo persoal da Cámara Municipal, na que me irán contando as maiores problemáticas do Paúl.

Pola tarde, unha caminhada pola zona do Eito para facer fotos da impresionante paisaxe que contemplan os meus ollos e ahí atópome algo co que non contaba, unha situación de violencia contra a muller nunha residencia familiar desta zona. Unha muller asustada e con medo recibe berros e insultos en presenza das súas crianzas, por parte do seu home no que se aprecia unha forte agresividade. Ante a miña presenza na rúa mirando esta situación, o home cede e sae dese plano. A muller nese momento parece algo máis tranquila e non deixa de mirarme mentres me vou cando xa esa situación está máis tranquila. Voume intranquila, porque de seguro non é a primeira vez e volverá a pasar, e entón ninguén prestará atención a esa muller. Espero que a miña reacción non teña consecuencias para esa muller. Esta lacra social é unha realidade que hai que mudar, e creo que Paúl está no camiño correcto, pero cómpre de implicación política e social, veremos ata onde se quere actuar.

Hai que empoderar ás mulleres e facer da violencia de xénero unha cuestión pública, e conciencialas que hai que denunciar, para que poida servir de exemplo a seguir para outras mulleres. Quedan moitas cousas por facer, o importante é ir polo camiño do cambio cara unha sociedade máis igualitaria.

A modo de anécdota, remato o día, aproveitando a rede wifi da praza do concello para saber do resto do mundo e amañar algunhas cousas, despois terei a miña loita persoa cun par de baratas (Cucarachas 2.0), cada unha fai 5 dunha cucaracha galega. Imaxinádeme estilo “Frank de la Jungla” coa zapatilla na man correndo detrás delas, todo un cuadro!! ;)

Obrigada por lerme.