domingo, 30 de septiembre de 2012

Chegada a Paúl - Santo Antao



Para ir para Santo Antao dende Sao Vicente, é preciso coller un barco que máis ou menos lle leva unha hora de viaxe e custa arredor dos 10 euros.
Pese a que pensamos que habería maior número de viaxes para Santo Antao en barco, non, os domingos só hai un que sae dende Sao Vicente ás 8 da mañá.
Con todo xa listo e no barco preparadas para partir, achegase a nós un home da compañía e danos unha bolsa pequena de plástico a cada unha de nós. Tiña razón, non ía ser unha viaxe nada fácil, polo menos, para min.
 
Despois dunha hora en barco e de concentración persoal para non marearme atracamos en Portonovo, xa na illa de Santo Antao. Alí espéranos Jorge Pires, un dos traballadores da Cámara Municipal da Ribeira Grande. Tomamos camiño mentres o Sr. Pires nos indica a situación xeografía da illa e algunhas curiosidades da mesma. O camiño cara Paúl foi impresionante, xa que as montañas angulosas e e totalmente verdes marcaran este territorio, tremendamente fermoso.
Chegada a destino recíbeme o Sr. Presidente da Cámara Municipal do Paúl, Antonio Aleixo, que me indica cal será a miña morada durante o próximo mes. Ao pouco entra Dona Joana que será a que me atenderá coma unha nai.
Instálome e dispóñome a sacar as primeiras fotografías mentres ando coa boca aberta mirando para todo o que ven os meus ollos.
Pola tarde o Sr. Aleixo, recólleme na casa para ir ao nomeamento do Delegado de Pico da Cruz. Este é un lugar entre Ribeira Grande e Portonovo pero que pertence ao Paúl que está habitada por unhas 150 persoas. É un lugar moi húmido e frío no inverno xa que as nubes concéntranse nesta zona que se atopa a uns 1582 metros de altitude. Como está moi lonxe da Cidade das Pombas (centro de Paúl) precisa un xerador eléctrico e ten que ir un camión 2 veces por semana abastecer de auga para o consumo (11 toneladas de cada vez, máis ou menos).
Un dos problemas máis graves do Paúl é que non carece de auga, senón que todo o contrario, hai moita auga pero esta é de mala calidade e precisa de  tratamento para que sexa axeitada para o consumo.
Despois do acto político no que exerzo de fotografa oficial, danme a benvida agasallándome cunhas bolachas con doce de marmelo, unha flor e un marmelo.Obrigada.
Debo recoñecer que o día de hoxe foi longo e moi canso pero tamén foi aproveitado. Atópome nun dos sitios máis fermosos  que vira nunca, e cunha cidadanía agarimosa.

Quédame moitas cousas por contar, mais hai que vivilo, por hoxe xa non podo máis.

sábado, 29 de septiembre de 2012

Primeiro destino: Mindelo - Sao Vicente


A viaxe comeza para as dúas, pois a compañeira que irá para Ribeira Grande, Cris, realizará case todo o traxecto comigo. Isto fai que sexa moito máis levadeiro.


Despois de coller tres avións, de mudar no reloxo para 3 horas menos, de aumentar o termómetro 20 graos e de notar xa na garganta o aire acondicionado posto no avión, como se non houbera un mañá, chego ao meu primeiro destino Mindelo- Sao Vicente, Aeroporto Cesárea Évora. A maleta chegou tamén a destino pese ao medo que tiña a non vela en 3-4 días, ou de que ma decomisaran por exceso de todo.
Dende as 7 da mañá hora galega, chegamos a Mindelo ás 6 da tarde e dirixímonos ó hotel nun taxi dos que me gustan, sillóns de “escai”, a metade das maletas fóra do coche, amarradas cunha corda, e unha condución algo máis atrevida do que permiten noutros lugares!! Non sei, os coches novos non teñen ese encanto!!
Instaladas xa no hotel, as dúas Cris, dispoñémonos a buscar unha tenda onde mercar tarxetas de móbil para comunicarnos dentro do país, unha tarefa que digamos nos levou algo máis do planificado e sen que os móbiles acabaran por funcionar. Por iso é que decidimos ir tomar algo e cear, había que erguerse cedo, a viaxe aínda non rematara.
P.D: comentar que do milloriño da viaxe foi o bus dende Oporto, amenizado por un artista nóvel, o cal non se me esquecerá na vida. Se atopo algunha das cancións, non dúbidedes que a compartirei, non ten desperdicio!! ;)



viernes, 28 de septiembre de 2012

Comeza a experiencia!


Mañá, xa non estarei en Galiza, nin na pequena Ponteceso, Paúl (Santo Antao - Cabo Verde), será o meu próximo lugar de residencia.

Tiven a gran sorte de resultar seleccionada para a praza de técnica de igualdade do programa "Vacacións con Traballo" do Fondo Galego de Cooperación www.fondogalego.org . Este é un programa para persoal da Administración Local Galega, que consiste en adicar o mes que tes de vacacións, a traballar no exterior nalgúns dos proxectos do Fondo, e así, compartir experiencias co persoal técnico dos diferentes países.

Aquí vos deixo a nova publicada na páxina do Fondo (arriba sinalada), onde tamén poderedes atopar maior información sobre o programa de Vacacións con traballo.
 
 
Con este blog pretendo contar o meu día a día na Cámara Municipal de Paúl. Espero poder actualizar o blog todos os días, para ir contando cousas sobre a miña estancia no país e na illa, e por suposto, para contarvos tamén a perspectiva de xénero existente neste arquipélago. A mirada violeta da poboación caboverdiana e tamén a miña.
 
 
Grazas por estar ahí e lerme ;)