domingo, 30 de septiembre de 2012

Chegada a Paúl - Santo Antao



Para ir para Santo Antao dende Sao Vicente, é preciso coller un barco que máis ou menos lle leva unha hora de viaxe e custa arredor dos 10 euros.
Pese a que pensamos que habería maior número de viaxes para Santo Antao en barco, non, os domingos só hai un que sae dende Sao Vicente ás 8 da mañá.
Con todo xa listo e no barco preparadas para partir, achegase a nós un home da compañía e danos unha bolsa pequena de plástico a cada unha de nós. Tiña razón, non ía ser unha viaxe nada fácil, polo menos, para min.
 
Despois dunha hora en barco e de concentración persoal para non marearme atracamos en Portonovo, xa na illa de Santo Antao. Alí espéranos Jorge Pires, un dos traballadores da Cámara Municipal da Ribeira Grande. Tomamos camiño mentres o Sr. Pires nos indica a situación xeografía da illa e algunhas curiosidades da mesma. O camiño cara Paúl foi impresionante, xa que as montañas angulosas e e totalmente verdes marcaran este territorio, tremendamente fermoso.
Chegada a destino recíbeme o Sr. Presidente da Cámara Municipal do Paúl, Antonio Aleixo, que me indica cal será a miña morada durante o próximo mes. Ao pouco entra Dona Joana que será a que me atenderá coma unha nai.
Instálome e dispóñome a sacar as primeiras fotografías mentres ando coa boca aberta mirando para todo o que ven os meus ollos.
Pola tarde o Sr. Aleixo, recólleme na casa para ir ao nomeamento do Delegado de Pico da Cruz. Este é un lugar entre Ribeira Grande e Portonovo pero que pertence ao Paúl que está habitada por unhas 150 persoas. É un lugar moi húmido e frío no inverno xa que as nubes concéntranse nesta zona que se atopa a uns 1582 metros de altitude. Como está moi lonxe da Cidade das Pombas (centro de Paúl) precisa un xerador eléctrico e ten que ir un camión 2 veces por semana abastecer de auga para o consumo (11 toneladas de cada vez, máis ou menos).
Un dos problemas máis graves do Paúl é que non carece de auga, senón que todo o contrario, hai moita auga pero esta é de mala calidade e precisa de  tratamento para que sexa axeitada para o consumo.
Despois do acto político no que exerzo de fotografa oficial, danme a benvida agasallándome cunhas bolachas con doce de marmelo, unha flor e un marmelo.Obrigada.
Debo recoñecer que o día de hoxe foi longo e moi canso pero tamén foi aproveitado. Atópome nun dos sitios máis fermosos  que vira nunca, e cunha cidadanía agarimosa.

Quédame moitas cousas por contar, mais hai que vivilo, por hoxe xa non podo máis.

No hay comentarios:

Publicar un comentario