lunes, 1 de octubre de 2012

Día 1 de Outubro, comezamos o mes e o traballo.


Comeza un dos meses para min máis bonitos do ano, e este vouno vivir en Cabo Verde, que máis se pode pedir?

Empezo o día repoñendo forzas cun estupendo almorço caboverdiano que me preparou Joana, mais con leite da Galiza, isto é vida!! ;)

Nun día que levo no Paúl, aínda non me acostumei á temperatura (unha media de 26º) nin tampouco á humidade que hai. Ás 9 comeza a xornada laboral na que imos ver o plan de traballo para todo o mes. No día de onte coñecín ao técnico co que vou a estar que é o Sr. Nilton Gomes, que ao chegar á Cámara Municipal do Paúl (CMP) me ensina todo e me presenta á xente que alí traballa.

Seguidamente fálame sobre a situación da poboación no Paúl e das necesidades desta.Con respecto á situación da muller en Paúl, coméntame que as maiores problemáticas son a violencia de xénero, e neste último ano, a violencia sexual dentro do núcleo familiar.Paúl foi pioneiro no desenvolvemento de políticas de xénero e mostra diso é a creación do gabinete par a equidade de xénero, que el dirixe. Ao mesmo tempo, con este novo goberno, Nilton compaxina o seu papel no gabinete co de vereador(concelleiro) na CMP.Sobre a atención ás mulleres, é el con estudos en Socioloxía quen fai a 1ª atención á muller, aparte de que periodicamente veñen unha psicóloga e unha avogada ao gabinete para dar atención ás mulleres. Carecen de persoal e de financiación para dar maior cobertura a todos os puntos do Paúl. De todos os xeitos, coméntame que cando existe un caso de violencia, a muller non soe denunciar e esa ée unha das maiores dificultades coa que se atopan.

Por outra banda, existe formación en materia de igualdade para policía, profesorado, e para persoas de diferentes zonas do Paúl, para que poidan exercer de persoa intermediaria coas necesidades das mulleres. Na actualidade, e coa nova lei de 2011 sobre a prevención da violencia de xénero do Estado Caboverdiano indícame que teñen varios proxectos para desenvolver que veremos máis adiante, ou así mo indica.

Como traballadora social non deixa de preocuparme o protocolo de intervención que poden ter nos diferentes casos que chegan ao gabinete, ireino investigando.

Despois desta reunión, acompañando á responsable de medioambiente (Liana), o Presidente, Nilton e Antonio(un caboverdiano que estudou en Cuba e domina o castelán á perfección) subimos a Eito, que coma Paúl non ten auga de boa calidade para o uso. Antonio, explícanos que aproveitando a canalización e instalando un par de depósitos co seu correspondente mantemento, e unha pequena depuradora, pode toda a zona ter auga apta para o consumo.

Baixamos a CMP e dispoñémonos a analizar o plan de traballo para ver se hai que facer algunha modificación. Teño algo claro, quero coñecer o maior número de axentes sociais posibles, por iso inclúo visitas a centros educativos, familias, tecido asociativo, así como, axentes de desenvolvemento comunitario. Despois de ver o plano de traballo que non contén todo o esperado en materia de igualdade, vou continuar coñecendo persoal da Cámara Municipal, na que me irán contando as maiores problemáticas do Paúl.

Pola tarde, unha caminhada pola zona do Eito para facer fotos da impresionante paisaxe que contemplan os meus ollos e ahí atópome algo co que non contaba, unha situación de violencia contra a muller nunha residencia familiar desta zona. Unha muller asustada e con medo recibe berros e insultos en presenza das súas crianzas, por parte do seu home no que se aprecia unha forte agresividade. Ante a miña presenza na rúa mirando esta situación, o home cede e sae dese plano. A muller nese momento parece algo máis tranquila e non deixa de mirarme mentres me vou cando xa esa situación está máis tranquila. Voume intranquila, porque de seguro non é a primeira vez e volverá a pasar, e entón ninguén prestará atención a esa muller. Espero que a miña reacción non teña consecuencias para esa muller. Esta lacra social é unha realidade que hai que mudar, e creo que Paúl está no camiño correcto, pero cómpre de implicación política e social, veremos ata onde se quere actuar.

Hai que empoderar ás mulleres e facer da violencia de xénero unha cuestión pública, e conciencialas que hai que denunciar, para que poida servir de exemplo a seguir para outras mulleres. Quedan moitas cousas por facer, o importante é ir polo camiño do cambio cara unha sociedade máis igualitaria.

A modo de anécdota, remato o día, aproveitando a rede wifi da praza do concello para saber do resto do mundo e amañar algunhas cousas, despois terei a miña loita persoa cun par de baratas (Cucarachas 2.0), cada unha fai 5 dunha cucaracha galega. Imaxinádeme estilo “Frank de la Jungla” coa zapatilla na man correndo detrás delas, todo un cuadro!! ;)

Obrigada por lerme.

No hay comentarios:

Publicar un comentario