jueves, 4 de octubre de 2012

Atendimentos xurídicos no Gabinete de Xénero


Hoxe, semella un día interesante e efectivamente así o foi. Tivemos os “atendimentos xurídicos”coa xurista do gabinete de xénero. Esta xurista, Dna. Dionara, vén dende xaneiro deste ano, de xeito voluntario e gratuíto. É avogada dos gabinetes dos 3 concellos e aínda que non cobraba por este traballo si que percibía unha compensación a modo de dietas.

O gabinete, é un convenio entre a CMP e a Rede Sol de apoio a vítimas de violencia de xénero (aquí defínese VBG, Violencia baseada no género), pero a falta de recursos fixo que profesionais diminuíran o número de atencións por mes (na actualidade só veñen 2 veces ó mes cada unha)como Dionara quedaran sen aportación, polo que ante o peche do gabinete decidiron continuar coa actividade de xeito totalmente voluntario.

Comezamos os atendimentos que non só son propios dun gabinete de equidade de xénero, senón que tamén atende outros casos, xa que, para moita xente de Paúl é moi difícil moverse para Ribeira Grande ou Portonovo e na Vila das Pombas (Cidade de Paúl) non hai avogada/o, nada máis que o servizo voluntario que fai Dionara.

As mulleres son as encargadas das crianzas en todo momento, na maioría das familias paulenses. Cando as nais emigran, por exemplo, as crianzas soen ficar coas avoas, facendo que o pai teña unha asunción total das responsabilidades familiares, algo que fixo darse conta no 2009 ao anterior goberno que era preciso a elaboración dun Plano Municipal de Igualdade. En políticas de igualdade  Cabo Verde vai avanzando, comprobámolo vendo que no 2011 o goberno estatal na lei 84/VII/2011 establece as medidas destinadas a previr e reprimir o crime de violencia baseada no xénero. Esta lei aínda está na fase da implementación, polo que despois dos atendimentos falamos largo e tendido do tema .

Seguindo os atendimentos vexo que empregan moito a mediación en casos de violencia, porque por desgraza non hai un recurso como pode ser unha casa de acollida para as mulleres vítimas de violencia de xénero, polo que despois dos actos de violencia, se teñen a forza e perden o medo a denunciar, teñen que volver á casa co agresor. A lei do 2011 que sinalei anteriormente contempla a instalación deste recurso de casa de acollida en todas as illas.

Dionara tamén me comenta o aumento de abusos sexuais a nenas dentro do núcleo familiar e de aí, falamos da falta de apoios sociais que teñen as mulleres en xeral, sufran violencia ou non.

A falta de formación e de información fai que as mulleres xa non busquen apoio nos servizos voluntarios, sobre todo, da psicóloga. De aquí, sae tamén a necesidades dunha persoa profesional de referencia, xa que un sociólogo non é o perfil mais axeitado para dar este servizo, algo tan necesario para todos os sectores da poboación.  

Falamos das necesidades da poboación en xeral e tamén das necesidades das mulleres, nas que Dionara cree que o fortalecemento da autoestima das mulleres e a dotación de recursos  é esencial. O apoio ás vítimas (precisan de apoio económico e psicolóxico), algo semellante ao salario da liberdade, é moi importante, así como xa indiquei unha rede de recursos.

Así que intercambiamos contactos, espero volver a vela ao longo da miña vida, iso sería unha boa sinal a nivel profesional! Un pracer coñecer a persoas tan involucradas na loita e tamén con tan boa vontade.

Obrigada por seguir léndome!! ;)

No hay comentarios:

Publicar un comentario