martes, 2 de octubre de 2012

Lombo Cumprido


No programa, hoxe, aparece unha visita a algún dos proxectos que financiou o Fondo Galego de Cooperación aquí, no Paúl. Á 8 comeza a xornada de hoxe, e cunha conversa con Nilton sobre a intervención da policía, centro de saúde, centros educativos nun caso de violencia de xénero. Indica que a CMP ten convenios con todos estes axentes implicados, mais que aínda queda moito para que exista unha concienciación de como se debe actuar. Pouco a pouco isto vai mudando, para iso dende o gabinete co apoio financeiro do Fondo Galego e de outros parceiros dan formación a todos os axentes sociais.

Acompañada de Liana e Neusa e xunto cos do Oficina Técnica da CMP imos á zona de Lombo Cumprido, onde o Fondo Galego financiou a construción e rehabilitación de algunhas vivendas. Falamos coas familias e observo que unha vivenda con esas condicións na Galiza non cumpriría as condicións mínimas de habitabilidade. Mais isto non é Galiza, estamos noutra realidade social e crédeme cando vos digo que aínda que colgue algunha foto ou o explique non sería suficiente para valorar a necesidade existente, tanto nas vivendas (casas de baño, auga potable, estancias, cociñas, tellado, filtración de humidade,...)coma na zona en xeral (estradas, camiños veciñais, canalizacións de auga,...). A partir de hoxe, as baratas non son un problema para min, despois de ver o mal que o pasan estas familias, as necesidades rematan por ser relativas.

Estamos a falar de casos nos que habitan varias xeracións, xa que a familia paulense soe ter moita descendencia, outra problemática no Paúl, para as familias con necesidades económicas. Xa non vos imaxinedes a calidade de vida que pode ter unha persoa con algún tipo de discapacidade. Como dicía, as necesidades son moi distintas e moi relativas dunha zona a outra e dunha persoa a outra. Pese a todo, a xente de Paúl nunca perde o sorriso e a amabilidade de poñer todo a dispor da xente que visita o pobo.

Baixamos para Paúl a pé (unha camiñada con algo de dificultade) e finalizamos preto da hora do almorço. Foi unha xornada enriquecedora mais quedóuseme moi curta. Vou intentar conectarme para contar algo por Facebook e por Twitter.


Obrigada por lerme! ;)

No hay comentarios:

Publicar un comentario